O Disco de Phaistos: A orixe das artes gráficas

O disco de Phaistos foi descuberto o 3 de xullo de 1908 durante a escavación arqueolóxica do antigo palacio de Minos en Phaistos, no sur da illa de Creta (Grecia). É un disco de arxila, duns 16 cm de diámetro, que presenta dúas caras gravadas por escrituras subliñadas por unha liña curva en forma de espiral desde o bordo ata o centro do disco. As escrituras representan un total de 241 letras ou símbolos agrupados á súa vez, separados entre si por liñas verticais, en 45 grupos de símbolos que parecen representar máis un silabario que un alfabeto. Estímase que data do ano 1.700 a. C.

A día de hoxe o que aparece escrito no Disco de Phaistos segue sen descifrar, pois non se parece a ningún dos sistemas de escritura coñecidos do mundo. Pero o que si afirman arqueólogos e historiadores é que se trata do primeiro documento escrito do mundo.

Os seus símbolos non están gravados a man senón que foron impresos en arxila branda, posteriormente endurecida ao forno por cocción, por medio de selos. Deste xeito os “impresores” da época podían reproducir escritos mediante a utilización dese xogo de 45 selos; imprimindo non sobre papel, o que tivo lugar en China 2.500 anos despois, senón sobre discos de arxila. Ata o momento non se atopou ese xogo de selos nin máis documentos como o Disco de Phaistos; aínda que este último pode verse exposto na actualidade no museo de Heraklion, capital da illa de Creta.

Aínda que ao pensar en “actualidade” é probable que o primeiro que nos veña á cabeza non sexa o Disco de Phaistos…. merece a pena destacar o que se pode considerar como a primeira manifestación das artes gráficas.

Con este primeiro post queremos conmemorar unha profesión, remontándonos á súa orixe, rodeado aínda hoxe en día de tanto misterio. E por que non… ofrecer unha pequena escusa para visitar a illa de Creta. Esperamos que vos guste!

EQUIPO DE NINO CENTRO IMPRESIÓN DIXITAL